Un espectáculo de teatro familiar

O rapto da Befana, baixo a dirección de NURIA SANZ, é  un espectáculo de teatro familiar inspirado na Commedia dell'Arte Italiana. Amosarémosche un mundo cheo de maxia e diversión para toda a familia!

Durante só unha noite de xaneiro, a bruxa Befana reparte agasallos e comida polas casas. Colombina, farta de traballar e de ser pobre, ten unha idea: raptar a Befana, así nunca lle faltará nada, pero Arlequín e Polichinela escoitan o seu plan. Arlequín quere chegar antes ca ninguén onda a Befana para demostrarlle a Colombina que é máis listo ca ela. O Capitán vai con el, sobre todo porque non quere quedar só. Polichinela consegue a axuda de Pantalone e os seus cartos para averiguar onde vive a Befana. E a Befana, sen sospeitar o que lle espera, viaxa na súa góndola pola terra, polo aire e pola auga, cambia de calcetíns, que é a cousa que máis lle gusta no mundo, e garda nos zapatos a súa maxia.

Nesta historia presentámosvos personaxes que veñen de Italia, unha pequena aventura, varios enredos, moita música, alegría e comedia.

TEXTO ORIXINAL

PAULA CARBALLEIRA

Paula Carballeira, recentemente nomeada Premio Nacional de Literatura Dramática, foi a encargada de escribir o texto orixinal do espectáculo. 

No rapto da Befana coñeceremos aos personaxes da dunha tradición de teatro clásico con máscara actualizada e adaptada ao público infantil.

A historia, ambientada na cidade italiana de Venecia, trata os seguintes temas:

- O protagonismo feminino.

- A consideración da diferenza e a valoración da singularidade

- A revisión dos estereotipos a través dos personaxes da Commedia dell´arte italiana.

- A identidade

- O compoñente lúdico

Un espectáculo 
con perspectiva de xénero

Priscila Retamozo é a nosa asesora en xénero. Dende o comezo do proceso traballou con nós asésorándonos e creando materiais didácticos para ofrecer aos centros de educación un material a través do cal acompañar o visionado do espectáculo.

Animádevos a revisar con mirada aberta e lentes
violetas todo o que nos queren contar estes
comediantes, saltimbanquis ambulantes?

O TEATRO COMO FERRAMENTA COEDUCATIVA

O teatro constitúe unha ferramenta artística que
permite reflexionar de xeito crítico sobre a
realidade que nos rodea, analizando a violencia
intrínseca na cotidianeidade. A través do teatro,
misturando na obra proposta a música, a
acrobacia e a interpretación conseguimos a
sensibilización social sobre a igualdade entre
mulleres e homes, sorteando resistencias,
loitando contra as violencias machistas e
denunciando o sexismo que perdura na
sociedade.
O prisma da Commedia dell’Arte convídanos a
observar as estruturas da sociedade poñendo o
foco nas súas carencias e nas súas gretas.
Devólvenos un reflexo do que somos en parte,
esaxerando os defectos, facéndoos obvios e
invitándonos á reflexión.

OS PERSONAXES

A construción de personaxes e o xeito de
relacionarse entre si están construídos para
fomentar o debate sobre os estereotipos, a
identidade, a figura feminina, a clase social, etc.
Coa risa como vehículo analizamos o papel da
bruxa Befana, de Colombina, Arlequín e demáis
personaxes, de xeito que as caricaturas
sarcásticas das personaxes van guiándonos
polos poderes fácticos do patriarcado, e o rol das
mulleres, astutas e empoderadas, e finalmente
victoriosas.

Un eleNCo talentoso e apaixonado

O elenco está formado por 6 actrices e actores altamente talentosos, cualificados e apaixonados polo seu traballo. Cada uno deles trae a súa enerxía e creatividade para dar vida aos personaxes e á historia. Son músicos, acróbatas e cantantes, cun gran dominio da técnica actoral.

Rosa Puga é a Befana

Leonor Sangabriel é Colombina

Diego Roca é Pantalone

Pablo Carrera é Arlequino

Germán Gundín é Polichinela

Sergio Alfonso é Capitano

Unha produción de alta calidade

espectáculo de sala e de rúa

Comprometémonos a ofrecer unha produción teatral de alta calidade, coidando todos os detalles. O vestiario, a iluminación, a escenografía está especialmente deseñada para satisfacer as demandas do público máis esixente.

O RAPTO DA BEFANA é un espectáculo que se adapta á programación de sala e de rúa. Facemos  unha adaptación técnica rigorosa en cada espazo escénico, para que a proposta teatral sexa sempre espléndida.

Contáctanos para falarnos do teu espazo e as túas inquedanzas, solicitando a información que precises.

Este campo é obrigatorio

Pola presente acepto que estes datos sexan almacenados coa finalidade de establecer contacto. Poderei anular o meu consentimento en calquera momento.*

Este campo é obrigatorio

Debe completar todos os campos obrigatorios
Non se puido enviar a mensaxe. Pregamos volva a intentalo máis tarde.
A mensaxe foi enviada correctamente.