A nosa historia

SOBRE NÓS

Baixo o nome de Olivas Negras, atopamos o tándem de actrices Cecilia Vázquez e Sonsoles Cordón, que acumulan máis de 20 anos de experiencia xuntas e por separado no mundo das artes escénicas: burlesque, cabaret, teatro musical, comedia, teatro infantil, novas dramaturxias, performance, teatro de rúa, danza e música. Marián Bañobre dirixiu o proxecto co cal nace esta compañía e que contou co apoio á creación escénica do AGADIC: 12 uvas, 2 mulleres e 1 oliva, 2020. No 2022, en coprodución con Aporía Escénica levan a cabo o proxecto experimental:  A Familia real, o cal recibe tamén o apoio á produción de AGADIC e recibe a mención de espectáculo recomendado por Camiño Escena Norte. No 2023 chega O rapto da Befana. O texto orixinal é de Paula Carballeira e a dirección de Nuria Sanz; enfocado ao público familiar, supón o comezo dunha nova liña de creación na compañía a través da cal  achegarnos ao público máis cativo. Esta proposta escénica está pensada para desfrutar dela en familia ou como actividade educativa a través dos centros de ensino, complementada con materiais didácticos, charlas e obradoiros.

Outros espectáculos da compañía

12 uvas, 2 mulleres e 1 oliva

Unha comedia violeta  para público adulto. Dirixida por Marián Bañobre.

“Chegan as próximas badaladas de fin de ano. Atopámonos ante un espello no que mirarse,
cuestionarse, quererse... Dúas actrices en escena, dúas mulleres nas que reflectirse a través das súas
fraquezas e virtudes. Un mosaico de complicidades a través do tempo... e algún que outro conflito
tamén. Unha historia de autosuperación e empoderamento feminino. Un espectáculo sorprendente e
honesto en clave cómica - subversiva, no que o espectador terá tamén ocasión de observarse e viaxar
con elas na procura duns soños tan anhelados como a última oliva do prato”

A Familia Real

Unha coprodución coa compañía Aporía Esccénica.

Como cambia a nosa vida cando chega un novo ser a ela? Corréspondense a realidade co imaxinado previamente? Ata que punto nos transforma e nos enriquece formar unha familia? Cales son as dificultades, os desafíos, as crises que se nos presentan como nais e pais nunha sociedade complexa como a contemporánea? Como compaxinamos a itinerancia e inestabilidade das artes escénicas coas esixencias da crianza? Estamos preparadas para asumir todos os retos e imprevistos con creatividade? 

A FAMILIA REAL confróntase con todos estes aspectos en escena co obxecto de traspasar os límites, cuestionar ideas preestablecidas ao redor da maternidade e a educación, compartir as nosas satisfaccións e aprendizaxes, evidenciar as contradicións diarias e, sobre todo, poñernos a proba coma intérpretes, integrando nas táboas aos máis pequenos da familia, deixándolle liberdade para modificar o seu itinerario de acción con espontaneidade en contraste coa partitura ensaiada e teatralizada dos adultos. 

Partindo da comicidade, irreverencia e contradición do título que remite a imaxe artificiosa da realeza, mergullámonos a fondo no “real” do núcleo familiar desde múltiples perspectivas vivenciais que enriquezan o espectáculo e nos aporten unha imaxe plural: unha nai solteira que se debate entre o amor, o estrés e a culpa por non poder pasar máis tempo co seu fillo de oito anos que quere coñecer o seu pai; unha nai separada e multiempregada cunha filla de 9 anos e unha relación cordial co seu exmarido que presume de ser a renovadora do arquetipo da madrastra; un matrimonio heterosexual estábel e feliz cunha filla de once anos e un fillo de ano e medio que reflexionan sobre as súas obsesións e prexuízos; unha parella heterosexual namorada, insegura e alternativa cun bebé recén nacido que descoñecen o que lle depara o futuro inmediato.